Cambio

Posted in 1 on Xaneiro 7, 2008 by volframzine

Esta páxina morreu. Sigan vendo algo parecido no link de abaixo.

VOLFRAM

buehler-wolfram-150-dpi.jpg

Advertisements

One night in Hackney (I)

Posted in Fotografia with tags , , on Decembro 20, 2007 by volframzine

# Fotos de Xaime Fandiño. Hackney (Londres)

edi2.jpgedi3.jpgedi1.jpg

XEDH

Posted in Música with tags , , , on Decembro 18, 2007 by volframzine

“Ás veces é necesario aproximarse aos extremos tanto, para coñece-los.

Só a distancia salva: a postura irónica, as voces alleas, o son frio.

O teatro sen ser. O velo é pesado, pero mais alá percibe-se

a radiografia do instinto. A tortura.

Pero tendo a música, calquer mal se salva.

Por agora.

Un disco dedicado a todos aqueles que non teñen males.”

agujero-negro.jpg

# Disco editado no 2006, fai exactamente un ano, en Hamaika, gravado no barrio de San Francisco, Bilbao. Mil e pico placas de metal que esmagan o sexo, case incapacidade para seguir escoitando. Edición especial para se correr. Granito-coño. Fai uns meses que chegou e nunca eses 48 minutos, pero que dis. Muchachita. Aplicación teórica que caga na boca e dá marcha atrás, pode que para aniquilar a lenda. Disparador-esquelete que pide axuda. No Norte mendigan coa habilidade do asasinato, pero que. Parece que o noxo é mais real, asi.

http://www.gatza.org/hamaika06.html

THIS HEAT: Unha nación é a que merece as nubes (II) por Miguel Prado

Posted in Música with tags , , , , , on Decembro 14, 2007 by volframzine

this_heat_1.jpg

# …Posteriormente editan en 1980 o Ep “Health & Efficiency” de novo en Piano Records, onde mostran as duas caras do monstro: unha delas mantén a sua vertente mais abstracta (Graphic/Varispeed, tema que pode ser reproducido a calquer das velocidades do tocadiscos), mentres que Health & Efficiency amosanos unha banda moito mais visceral e rockeira que tende cara canles mais estruturadas, sen deixar de lado solucións harmónicas totalmente sorprendentes. Inclue ademais un texto retorcido en torno ás ideas de felicidade absoluta e a saúde do ser humano outorgadas polo sol, recitado en máxicos coros e entrelazando os papeis de interlocución dunha forma única.

O seu seguinte disco, DECEIT, o seu Aleph particular, seria editado en setembro de 1981 por Rough Trade Records. Desde o título (Engano) até a capa (o rostro de Gareth Williams enmascarado por diversos icones do capitalismo e a sociedade pós-industrial), introducen-nos na sua visión particular da realidade popular, do progreso e do sistema mercantil. A pesar do dramatismo que se presupón ao ler estas liñas, tras o contido das letras hai un pouso irónico e humorístico, utilizando unha linguaxe sinxela e directa, buscando unha coerencia global no seu traballo, a diferenza de moitas bandas coetáneas. Trata-se dun posicionamento político único na historia da música popular.

Para a gravación deste álbum contan cos servizos de mais de dez enxeñeiros e o produtor de reggae Martin Freederik. No estritamente musical, a banda dá un paso adiante en relación ao exposto no seu anterior disco. Mesturando a electroacústica, as músicas tradicionais e o posteriormente coñecido á outra beira como No Wave, This Heat atinxen o inatinxíbel convertindo-o en canción, en expulsión de forza, en algo físico. Durante o proceso coidan de maneira meticulosa cada peza do sua equipa que poda afectar ao son, traballan con este tendo en conta xa non só a experimentación, senón tamén a sua finalidade, algo no que a maioria das bandas semellantes a nivel de inquedanza fica a medio camiño.

Abre-se o disco con Sleep, unha nana que nos incita a un peculiar sono “durme, durme, durme, estás nun profundo sono / na tenda das promesas, infinitas posibilidades”. A partir deste punto o disco é ese espazo NREM, onde se introducen no noso inconsciente para disparar preguntas sobre as nosas expectativas na vida que levamos, para destapar a cortina hipócrita da nosa consciencia e amosar-nos o mundo tal e como é: os tropezos continuos do ser humano na mesma pedra e o errado auto-convencimento de que progresamos cara a verdade e o ben.

deceit.jpg

É a través de liñas como “Lembro o domingo / a guerra que rematou con todas as guerras / e a que veu logo / para manter ondeando a bandeira da liberdade” (Cenopath) que foxen da teoria anarco-primitivista que adoptaron as sucesivas xeracións de músicos que non crian na reforma do sistema senón no utópico “borrón e conta nova”. En relación cos seus ideais naturalistas de consciencia social e vexetarianismo, lembramos unha entrevista aparecida no libreto do seu box set “Out of Cold Storage”, na que Charles Bullen e C. Hayward discuten sobre a necesidade impulsada por este último de mudar os textos de Bullen, habitualmente en segunda ou terceira persoas, para converti-los directamente en persoais. Bullen xustifica-se da seguinte maneira: “Entre ser parte do problema ou parte da solución, persoanalmente eu non formo parte do problema”.
Cara o final do sico, na incendiaria New Kind of Water dan o que será posibelmente o último dos seus discursos, un desesperanzador sermón en torno ao desenvolvimento da vida do individuo e do mundo: “Un novo tipo de auga / unha nova maneira de respirar… / non vos preocupedes polo ar, a polución… acaban de inventar unha nova forma de respirar, temos a un home traballando / están traballando niso…” (Bullen). O tema remata con un súbito corte que nos devolve á actividade cerebral diurna. Deixan-nos en contraste con unha tranquila paisaxe de sons orientais con certo toque esperanzador. “Eses sons evocan unha paisaxe de apocalipse pós-nuclear onde, tras ter acontecido todo, vemos chegar entre as ruinas un camión de xelados” (Charles Bullen)

Xogaron a partida definitiva coa psique do ouvinte e gañaron, pero isto levou-lles a un estado de confusión e desasosego mental que provocou a saida de Gareth Williams cara a India, na busca do estudo da danza Katali.

Tras a sua marcha, embarcan-se nunha longa xira europea contando con Trevor Goronwy ao baixo e Ian Hill (ollo, posteriormente en Judas Priest) aos teclados. A precisión da banda era comparábel ao teatro de máscaras xaponés, pero Hayward e Bullen comezaban a cuestionar se ese era o camiño correcto, ao modificar repentinamente o duo en cuarteto, polo que tras a devastadora tourné de 1982 This Heat desaparecen para sempre.

Charles Hayward continuará no ambiente musical con Camberwell Now (contando cos servizos de Trevor Goronwy) tratando de retomar o traballo onde o deixara con This Heat. Tamén colaborará coa importantísima banda de avant-garde Massacre e en numerosas ocasións co seu famoso guitarrista Fred Frith, en diversos proxectos como Keep the Dog, todos de escoita obrigada. Na actualidade continua coa sua longa carreira en formato só, onde rebate as posibilidades da música e a capacidade de asimilación do ouvinte.
No referente aos outros componentes, Charles Bullen continua unha oculta carreira tras os mandos como enxeñeiro de son e, pola sua parte, Gareth Williams seguiria realizando música e performances até a sua morte, a finais do 2001.

A sua influenza foi chave en numerosas bandas e movimentos: desde a No Wave e o downtown neoiorquino dos 80, pasando polo slowcore e mathrock de principios dos 90, chegando até os nosos dias coa proxección das suas ideas en bandas do revival pós-punk menos convencional como Liars, Ex Models ou Oneida.

This Heat foron únicos na sua especie: inovadores, arriscados, coa virtude de ser conscientes do minucioso da sua obra e non caer nen no vulgar virtuosismo nen no aburrimento absurdo; conscientes do social e consecuentes coas suas ideas. Demasiado Bon para ser verdade.

Amigos Contrarios

Posted in Literatura, Poesia with tags , , , on Decembro 11, 2007 by volframzine

# Dentro dunha semana aproximadamente verá a luz unha colectánea de textos, poesías e criazóns varias proveniente na sua maior parte de amigos e amigas até o de agora mais ou menos en letargo. Esta sorte de fanzine levará o nome de VOLFRAM e, ainda que non será esteticamente tan apetitoso como o que podedes ver nas imaxes, incluirá moitas colaboracións de persoas maravillosas. Rescatará tamén algún que outro texto perdido de personaxes que nos obsesionan e tentará ter unha saída regular na medida do posíbel. Darase cumprida noticia no momento da sua incorporación ao mundo.

– Textos e mais cousas de (entre outros): Pau Cundins, Vítor Vasques, René Freire, Ramón Garcia “Gomino”, Pau Gener, Michael Gira, Henry Rollins, etc.

volfram1.jpgvolfram8.jpgvolfram6.jpgvolfram42.jpg

THIS HEAT: Unha nación é a que merece as nubes (I) por Miguel Prado

Posted in Música with tags , , , , on Decembro 9, 2007 by volframzine

“Lembro unha noite, houbo unha treboada cando tiña sete ou oito anos e, sen pensalo, simplemente comecei a tocar co piano seguindo a treboada. Realmente conectei con ela. Estaba nun cuarto pero dalgún modo sentía que conectara con todas partes. Levei esa sensación comigo durante moito tempo e ainda o fago. Así que cousas como esta foron enormes experiencias formativas para min.”  Charles Hayward

thisheat02.jpg

# 1975 Camberwell (vila ao sul de Londres), Charles Hayward (batería, voces e manipulación de cintas) únese a Charles Bullen (guitarra, voces, teclados, ventos, samplers, etc.) formando un dúo de improvisación chamado Dolphin Logic para explorar os límites do son. Pero Charles Hayward e a súa visión perturbada do concepto de canción empúrrano a convidar a ingresar no combo a Gareth Williams, un “proxecto” de artista e músico, co cal tratan de criar unha banda de pezas estruturadas e de concepción “pop”.
Bautizanse como Friendly Rifles e debutan en directo o venres 13 de febreiro de 1976 en Londres; tras topar unha cinta cunha improvisación de Charles H. onde este interpreta uns ritmos de batería nun cuarto de xanelas abertas a un parque, coa intención de que se escoitasen os paxaros, deciden rebautizarse co mesmo título escrito na cinta: THIS HEAT.

Topan o seu refuxio musical na experimentación, en patrons rítmicos aleatorios e repetitivos, froito na súa maior parte de improvisacións e investigación con novos sons e instrumentos. Unha das chaves do son de This Heat é o interese que teñen en editar e procesar os sinais concentrados nas cintas, tanto sobre o escenario como no traballo de posprodución.
Comprender a súa emoción ao xogar co tempo e as repeticións destas cintas é de grande axuda ao descifrar a súa música. Quizais influenciados en maior medida polas músicas tradicionais, o folk de Canterbury e textos de escritores como Joseph Conrad que por bandas contemporáneas a eles, advírtense no seu sórdido humor e visión musical semellanzas claras con Faust.

Comezan a traballar na estruturación de pezas a mediados do ano 76, rematándoo cunha demo gravada polo enxeñeiro Frank Bryan Trembath. Durante ese período de tempo dan moi poucos concertos debido ao seu psicótico perfeccionismo e cerebral posta en escena, que os leva a comezar a facer uso de dous técnicos de son en directo, un para as funcións ao uso e outro para a manipulación de cintas durante a actuación.
Dita demo impresiona a varios personaxes da escena, entre os que destacan, por un lado John Peel da BBC – para quen gravan varios shows-, e polo outro, o músico e artista David Cunningham (mais tarde membro dos Flying Lizards). Neses dias gravan tamén unha sesión co percusionista de Ghana Mario Boyer Diekuuroh, parte desta gravación aparecerá mais tarde nun cassette compartido con Albert Marcoeur editado en 1982 pola revista francesa de música experimental Tago Mago.

David Cunningham, tras ficar asombrado polo amosado na primeira demo, traslada a súa actividade artística a un almacén de cárnicos abandonado, e convida a This Heat a construir o seu estudio e local de ensaio nunha das cámaras frigoríficas. Estes reciben varias ofertas de discográficas, pero ningunha acepta dar un adianto do disco que lles permita sufragarse a construcción do estudio para a gravación do seu primeiro álbum; finalmente deciden autoxestionarse todo o proceso e editalo no selo de David Cunningham, Piano Records.

O seu primeiro disco “Blue and Yellow” (“azul como o tabaco, amarelo como o cancro”, Charles Hayward nunha anotación a lapis nunha das carpetas das copias do álbum). Está formado polas sesións TMPT que engloban desde a formación do grupo en 1976 até a data de edición, en 1979. Oito cancións mais dúas codas abrindo e fechando o álbum amósannos unha formación en estudo contínuo do son, a melodía e as técnicas de gravación. Pezas onde o desprazamento homoxéneo da base rítmica vese respaldado polo uso de órganos e múltiples instrumentos de corda e burlóns arranxos de clarinete.

A mestura entre as correntes de improvisación europea como resposta ao free jazz norteamericano, a percusión e ritmos tribais aprécianse con claridade en temas como Twilight Furniture, Rainforest ou The Fall of Saigon. En partes do álbum podemos topar certo paralelismo co krautrock debido ao uso de patrons rítmicos constantes nas cancións que mellor capturan ao ouvinte desde a primeira escoita, tais como Horizontal Hold, maiúsculo tratado da síncopa e o silencio. Unha suite de enxeñaría barroca por definición e minimalista polo seu carácter de repetición circular, onde Charles Bullen cria o vínculo de unión entre a guitarra de Robert Fripp e os ecos de Michael Rother. Porén, o nexo de unión sonora do disco encóntrase na influencia da música e improvisación electroacústica que dota á súa obra dun carácter vangardista. A electrónica e manipulación das pistas é constante, até alcanzar logros como 24 Track Loop, exercicio de distorsión de ritmo básico, que forza a sobreexposición das pistas na cinta e manipula os seus tempos, conseguindo así un tape collage semellante aos de bandas como Cluster ou Harmonia, pero coa idea presente de utilizar a mestura como un instrumento máis, ao estilo do dub jamaicano, coa intención de atinxir resultados máis que ambientais: rítmicos.

O manifesto exposto no álbum é moi complexo; a sua idea febril da sociedade, a natureza e autoxestión, unido ao interese do grupo polos manifestos futuristas dota á sua música dunha intensidade psíquica e sónica incríbel, pero por outro lado topámonos con un disco cheo de confusión, escuridade e indeterminación, con unha grande cantidade de temas etéreos, como só eles souberon definir (“música como un escape de gás”), aparentemente baleiros pero dunha densidade emotiva difícil ou imposíbel de reproducir.

Tras a edición do disco embárcanse nun extenso tour de performances e shows por Europa e comezan a darse a coñecer polos seus escalofriantes e intensos concertos, onde acostuman tocar a altísimos volumes; xa entón amosan unha concentración e academicismo na busca dunha perfeccionista interpretación dos seus temas.

thisheat03.jpg

http://www.myspace.com/thisheat

RECORDATORIO CREMOSO

Posted in Música with tags , , , on Decembro 7, 2007 by volframzine

yogur.jpg

# No barrio bilbaíno de Deusto, aproximadamente no ecuador dos anos 90, un sexteto chamado Yogur gravaban un single precioso para case que finiquitar unha carreira que parecia estar tocada pola mosca tsé-tsé desde o seu nacimento. Guiller Momonje era un dos membros do grupo. Guiller era un especialista que baixo o paraugas de Discos Alehop! rondaba o panorama musical estatal na época, completamente lonxe de todo, pero moi preto de aqueles que esperaban e esperaban polas Boas Novas. Ademais de Momonje, coexistian outros ilustres como Rafa M. Del Pozo (Eliminator Jr. e Jr. reconvertidos hoxe en La Jr.) que facian maravillas tocadas por unha gracia superior. No referente a Yogur, tanto Kinder como Le Rock (ambos editados por Acuarela Discos) posuian unha virtude que por aquel entón faltaba na maioria das casas, xa que mentres outros grupos eran chicle levitando sobre o indie, estes participaban doutra dimensión, criando unha atitude da que hoxe son debedoras moitas das bandas mais excitantes do noso ámbito. Estabanse a converter en inesquecíbeis, por moi pouco que iso pudese importarlles. En Le Rock, le Blues, le Jazz, Yogur executan os estilos como nunca e, ainda que hoxe poda saber a pouco o seu legado, non podemos facer mais que reivindicalo con entusiasmo. Por certo, vaia como anedota que a capa desta miniatura é unha variación da do Big Beat de Art Blakey para Blue Note.

“Le Rock, le Blues, le Jazz” (Acuarela 016, 1995)

Yogur eran (son): Alberto L. Martin (bateria); Alexei Krivosheev (piano, órgano e voz); Sergio Dios (guitarra eléctrica); Rafael M. del Pozo (guitarra eléctrica e voz), Juan Monje (trompeta) e Guiller Momonje (desphaser, voz e guitarra)