THIS HEAT: Unha nación é a que merece as nubes (II) por Miguel Prado

this_heat_1.jpg

# …Posteriormente editan en 1980 o Ep “Health & Efficiency” de novo en Piano Records, onde mostran as duas caras do monstro: unha delas mantén a sua vertente mais abstracta (Graphic/Varispeed, tema que pode ser reproducido a calquer das velocidades do tocadiscos), mentres que Health & Efficiency amosanos unha banda moito mais visceral e rockeira que tende cara canles mais estruturadas, sen deixar de lado solucións harmónicas totalmente sorprendentes. Inclue ademais un texto retorcido en torno ás ideas de felicidade absoluta e a saúde do ser humano outorgadas polo sol, recitado en máxicos coros e entrelazando os papeis de interlocución dunha forma única.

O seu seguinte disco, DECEIT, o seu Aleph particular, seria editado en setembro de 1981 por Rough Trade Records. Desde o título (Engano) até a capa (o rostro de Gareth Williams enmascarado por diversos icones do capitalismo e a sociedade pós-industrial), introducen-nos na sua visión particular da realidade popular, do progreso e do sistema mercantil. A pesar do dramatismo que se presupón ao ler estas liñas, tras o contido das letras hai un pouso irónico e humorístico, utilizando unha linguaxe sinxela e directa, buscando unha coerencia global no seu traballo, a diferenza de moitas bandas coetáneas. Trata-se dun posicionamento político único na historia da música popular.

Para a gravación deste álbum contan cos servizos de mais de dez enxeñeiros e o produtor de reggae Martin Freederik. No estritamente musical, a banda dá un paso adiante en relación ao exposto no seu anterior disco. Mesturando a electroacústica, as músicas tradicionais e o posteriormente coñecido á outra beira como No Wave, This Heat atinxen o inatinxíbel convertindo-o en canción, en expulsión de forza, en algo físico. Durante o proceso coidan de maneira meticulosa cada peza do sua equipa que poda afectar ao son, traballan con este tendo en conta xa non só a experimentación, senón tamén a sua finalidade, algo no que a maioria das bandas semellantes a nivel de inquedanza fica a medio camiño.

Abre-se o disco con Sleep, unha nana que nos incita a un peculiar sono “durme, durme, durme, estás nun profundo sono / na tenda das promesas, infinitas posibilidades”. A partir deste punto o disco é ese espazo NREM, onde se introducen no noso inconsciente para disparar preguntas sobre as nosas expectativas na vida que levamos, para destapar a cortina hipócrita da nosa consciencia e amosar-nos o mundo tal e como é: os tropezos continuos do ser humano na mesma pedra e o errado auto-convencimento de que progresamos cara a verdade e o ben.

deceit.jpg

É a través de liñas como “Lembro o domingo / a guerra que rematou con todas as guerras / e a que veu logo / para manter ondeando a bandeira da liberdade” (Cenopath) que foxen da teoria anarco-primitivista que adoptaron as sucesivas xeracións de músicos que non crian na reforma do sistema senón no utópico “borrón e conta nova”. En relación cos seus ideais naturalistas de consciencia social e vexetarianismo, lembramos unha entrevista aparecida no libreto do seu box set “Out of Cold Storage”, na que Charles Bullen e C. Hayward discuten sobre a necesidade impulsada por este último de mudar os textos de Bullen, habitualmente en segunda ou terceira persoas, para converti-los directamente en persoais. Bullen xustifica-se da seguinte maneira: “Entre ser parte do problema ou parte da solución, persoanalmente eu non formo parte do problema”.
Cara o final do sico, na incendiaria New Kind of Water dan o que será posibelmente o último dos seus discursos, un desesperanzador sermón en torno ao desenvolvimento da vida do individuo e do mundo: “Un novo tipo de auga / unha nova maneira de respirar… / non vos preocupedes polo ar, a polución… acaban de inventar unha nova forma de respirar, temos a un home traballando / están traballando niso…” (Bullen). O tema remata con un súbito corte que nos devolve á actividade cerebral diurna. Deixan-nos en contraste con unha tranquila paisaxe de sons orientais con certo toque esperanzador. “Eses sons evocan unha paisaxe de apocalipse pós-nuclear onde, tras ter acontecido todo, vemos chegar entre as ruinas un camión de xelados” (Charles Bullen)

Xogaron a partida definitiva coa psique do ouvinte e gañaron, pero isto levou-lles a un estado de confusión e desasosego mental que provocou a saida de Gareth Williams cara a India, na busca do estudo da danza Katali.

Tras a sua marcha, embarcan-se nunha longa xira europea contando con Trevor Goronwy ao baixo e Ian Hill (ollo, posteriormente en Judas Priest) aos teclados. A precisión da banda era comparábel ao teatro de máscaras xaponés, pero Hayward e Bullen comezaban a cuestionar se ese era o camiño correcto, ao modificar repentinamente o duo en cuarteto, polo que tras a devastadora tourné de 1982 This Heat desaparecen para sempre.

Charles Hayward continuará no ambiente musical con Camberwell Now (contando cos servizos de Trevor Goronwy) tratando de retomar o traballo onde o deixara con This Heat. Tamén colaborará coa importantísima banda de avant-garde Massacre e en numerosas ocasións co seu famoso guitarrista Fred Frith, en diversos proxectos como Keep the Dog, todos de escoita obrigada. Na actualidade continua coa sua longa carreira en formato só, onde rebate as posibilidades da música e a capacidade de asimilación do ouvinte.
No referente aos outros componentes, Charles Bullen continua unha oculta carreira tras os mandos como enxeñeiro de son e, pola sua parte, Gareth Williams seguiria realizando música e performances até a sua morte, a finais do 2001.

A sua influenza foi chave en numerosas bandas e movimentos: desde a No Wave e o downtown neoiorquino dos 80, pasando polo slowcore e mathrock de principios dos 90, chegando até os nosos dias coa proxección das suas ideas en bandas do revival pós-punk menos convencional como Liars, Ex Models ou Oneida.

This Heat foron únicos na sua especie: inovadores, arriscados, coa virtude de ser conscientes do minucioso da sua obra e non caer nen no vulgar virtuosismo nen no aburrimento absurdo; conscientes do social e consecuentes coas suas ideas. Demasiado Bon para ser verdade.

Leave a Reply