THIS HEAT: Unha nación é a que merece as nubes (I) por Miguel Prado

“Lembro unha noite, houbo unha treboada cando tiña sete ou oito anos e, sen pensalo, simplemente comecei a tocar co piano seguindo a treboada. Realmente conectei con ela. Estaba nun cuarto pero dalgún modo sentía que conectara con todas partes. Levei esa sensación comigo durante moito tempo e ainda o fago. Así que cousas como esta foron enormes experiencias formativas para min.”  Charles Hayward

thisheat02.jpg

# 1975 Camberwell (vila ao sul de Londres), Charles Hayward (batería, voces e manipulación de cintas) únese a Charles Bullen (guitarra, voces, teclados, ventos, samplers, etc.) formando un dúo de improvisación chamado Dolphin Logic para explorar os límites do son. Pero Charles Hayward e a súa visión perturbada do concepto de canción empúrrano a convidar a ingresar no combo a Gareth Williams, un “proxecto” de artista e músico, co cal tratan de criar unha banda de pezas estruturadas e de concepción “pop”.
Bautizanse como Friendly Rifles e debutan en directo o venres 13 de febreiro de 1976 en Londres; tras topar unha cinta cunha improvisación de Charles H. onde este interpreta uns ritmos de batería nun cuarto de xanelas abertas a un parque, coa intención de que se escoitasen os paxaros, deciden rebautizarse co mesmo título escrito na cinta: THIS HEAT.

Topan o seu refuxio musical na experimentación, en patrons rítmicos aleatorios e repetitivos, froito na súa maior parte de improvisacións e investigación con novos sons e instrumentos. Unha das chaves do son de This Heat é o interese que teñen en editar e procesar os sinais concentrados nas cintas, tanto sobre o escenario como no traballo de posprodución.
Comprender a súa emoción ao xogar co tempo e as repeticións destas cintas é de grande axuda ao descifrar a súa música. Quizais influenciados en maior medida polas músicas tradicionais, o folk de Canterbury e textos de escritores como Joseph Conrad que por bandas contemporáneas a eles, advírtense no seu sórdido humor e visión musical semellanzas claras con Faust.

Comezan a traballar na estruturación de pezas a mediados do ano 76, rematándoo cunha demo gravada polo enxeñeiro Frank Bryan Trembath. Durante ese período de tempo dan moi poucos concertos debido ao seu psicótico perfeccionismo e cerebral posta en escena, que os leva a comezar a facer uso de dous técnicos de son en directo, un para as funcións ao uso e outro para a manipulación de cintas durante a actuación.
Dita demo impresiona a varios personaxes da escena, entre os que destacan, por un lado John Peel da BBC – para quen gravan varios shows-, e polo outro, o músico e artista David Cunningham (mais tarde membro dos Flying Lizards). Neses dias gravan tamén unha sesión co percusionista de Ghana Mario Boyer Diekuuroh, parte desta gravación aparecerá mais tarde nun cassette compartido con Albert Marcoeur editado en 1982 pola revista francesa de música experimental Tago Mago.

David Cunningham, tras ficar asombrado polo amosado na primeira demo, traslada a súa actividade artística a un almacén de cárnicos abandonado, e convida a This Heat a construir o seu estudio e local de ensaio nunha das cámaras frigoríficas. Estes reciben varias ofertas de discográficas, pero ningunha acepta dar un adianto do disco que lles permita sufragarse a construcción do estudio para a gravación do seu primeiro álbum; finalmente deciden autoxestionarse todo o proceso e editalo no selo de David Cunningham, Piano Records.

O seu primeiro disco “Blue and Yellow” (“azul como o tabaco, amarelo como o cancro”, Charles Hayward nunha anotación a lapis nunha das carpetas das copias do álbum). Está formado polas sesións TMPT que engloban desde a formación do grupo en 1976 até a data de edición, en 1979. Oito cancións mais dúas codas abrindo e fechando o álbum amósannos unha formación en estudo contínuo do son, a melodía e as técnicas de gravación. Pezas onde o desprazamento homoxéneo da base rítmica vese respaldado polo uso de órganos e múltiples instrumentos de corda e burlóns arranxos de clarinete.

A mestura entre as correntes de improvisación europea como resposta ao free jazz norteamericano, a percusión e ritmos tribais aprécianse con claridade en temas como Twilight Furniture, Rainforest ou The Fall of Saigon. En partes do álbum podemos topar certo paralelismo co krautrock debido ao uso de patrons rítmicos constantes nas cancións que mellor capturan ao ouvinte desde a primeira escoita, tais como Horizontal Hold, maiúsculo tratado da síncopa e o silencio. Unha suite de enxeñaría barroca por definición e minimalista polo seu carácter de repetición circular, onde Charles Bullen cria o vínculo de unión entre a guitarra de Robert Fripp e os ecos de Michael Rother. Porén, o nexo de unión sonora do disco encóntrase na influencia da música e improvisación electroacústica que dota á súa obra dun carácter vangardista. A electrónica e manipulación das pistas é constante, até alcanzar logros como 24 Track Loop, exercicio de distorsión de ritmo básico, que forza a sobreexposición das pistas na cinta e manipula os seus tempos, conseguindo así un tape collage semellante aos de bandas como Cluster ou Harmonia, pero coa idea presente de utilizar a mestura como un instrumento máis, ao estilo do dub jamaicano, coa intención de atinxir resultados máis que ambientais: rítmicos.

O manifesto exposto no álbum é moi complexo; a sua idea febril da sociedade, a natureza e autoxestión, unido ao interese do grupo polos manifestos futuristas dota á sua música dunha intensidade psíquica e sónica incríbel, pero por outro lado topámonos con un disco cheo de confusión, escuridade e indeterminación, con unha grande cantidade de temas etéreos, como só eles souberon definir (“música como un escape de gás”), aparentemente baleiros pero dunha densidade emotiva difícil ou imposíbel de reproducir.

Tras a edición do disco embárcanse nun extenso tour de performances e shows por Europa e comezan a darse a coñecer polos seus escalofriantes e intensos concertos, onde acostuman tocar a altísimos volumes; xa entón amosan unha concentración e academicismo na busca dunha perfeccionista interpretación dos seus temas.

thisheat03.jpg

http://www.myspace.com/thisheat

Leave a Reply