Cincuenta anos de DET SJUNDE INSEGLET (Ingmar Bergman) por Héctor Gómez.

septimo.jpeg

# Este texto non pretende ser unha peza de obituario máis, unha lembranza máis a modo de homenaxe, dos que nestes últimos meses estamos saturados por causa de todos aqueles que semellan descobrer aos grandes artistas cando estes parten cara outro lugar. É preferible dar un enfoque de celebración, de recoñecimento vital, agora que O Sétimo Selo (Det sjunde inseglet, 1957) cumpre medio século de proxeccións. O recordo dunha filmación como esta convírtese en necesario a todas luces por ser unha das obras capitais da Historia Cinematográfica, pola sua influencia na conciencia, imaxinería, imaxinario e memoria universais e, non embargantes, non ser unha obra capital, redonda e cumio no que se refire á filmografía de Ingmar Bergman.

Se algo no Sétimo Selo merece pasar á Historia, é a angustia vital que desprende o cabaleiro (Max von Sydow) cando se lle resposta a nada absoluta como o único que existe despois deste mundo. Nos seus ollos pódese ver un abismo absoluto cara ningures, unha caída sen fin, un descorazonamento existencial que é, ao tempo, o descorazonamento de toda unha xeración que comezaba a estar seriamente desapegada dos valores e da moral xudeo-cristiana, e que ten o vacío absoluto como única resposta.

E é que grande parte do cinema bergmaniano sae do descorazonamento. En particular, analisarei dúas obras que para mín constitúen, xunto a outras coma Persoa (1966), o eixo reflexivo da madurez de Bergman como cineasta e pensador: estoume referindo a Os Comulgantes (Nattvardsgästerna, 1962) e a O Manantial da Doncela (Jungfrukällan, 1960).

Ambas cintas son parte dunha mesma idea, dunha mesma agonía, ambas considéranse de maneira intuitiva partes dunha triloxía centrada nos interrogantes sobre a existencia dun Ser Superior e, ao seu tempo, a incomunicación deste cos seres humanos, e na que tamén se tende a incluír Como nun Espello (Säsom i en spegel, 1961).

Tanto en Os Comulgantes coma en O Manantial da Doncela exponse a idea do descorazonamento en torno ao Deus da tradición e cultura cristiá. Existen numerosos e sinxelos paralelismos entre ambos filmes. Se en Os Comulgantes se analisa a incapacidade de resposta dun guía espiritual como é o pastor cristiano (Gunnar Björnstrand), e a súa conseguinte incapacidade para evitar o suicidio -tanto físico coma espiritual- dun atormentado Max von Sydow, en O Manantial da Doncela reflíctese a inusitada incapacidade do Deus cristiano, e por ende, de todas as divindades criadas, para respostar ao acto de maldade suprema dos violadores da doncela. O Mal pode violar, matar, destrozar os lazos familiares e afundir na máis absoluta desesperanza, mentres que o Ben únicamente pode facer brotar a auga da terra, nunha das -dito sexa de paso- secuencias cinematográficas de corte milagroso máis emocionantes que un servidor ten visto, comparable quizá únicamente ao cesamento das bombas en Offret (Andrei Tarkovski, 1986) ou á resurrección mediante a palabra en Ordet (Carl Theodor Dreyer, 1955).

Outro dos peares da obra de madurez de Ingmar Bergman é Persoa (1966). Neste caso o autor sae da temática antes mentada para facer unha análise lúcida e precisa da psique humana e das relacións interpersoais. Ademáis desta serie de virtudes, Persoa ten unha das máis importantes cando nos referimos a unha película: a súa fotografía. É o traballo do xenial Sven Nykvist o que lle confire ese aura de inmortalidade, de grandeza, o que convirte á cinta nunha obra infinita e impermeable ao desgaste temporal.

Filme tras filme, Bergman compromete a interpretación da realidade que ten a Humanidade no seu conxunto. Estuda, disecciona e golpea cada un dos peares que confortan o Universo cognitivo, moral e relacional criado polos seres humanos.

A título persoal, vexo en cada filme de Bergman un exorcismo persoal e intrasferible que lle leva a compartir todos aqueles pensamentos, reflexións ou ensoñacións que condicionan a sua integridade coma cidadán do mundo. En definitiva, entendo cada filme de Ingmar Bergman coma unha necesidade vital, unha estraña forma de solidariedade cos seus semellantes; pero acaso non é certo que toda clase de arte honesta surxe da pura e simples necesidade criativa e comunicativa?

Faise necesario agradecer a Ingmar Bergman a súa vida, unha desas vidas que se convirten en importantes para o resto da humanidade. Tal vez, agora sí poda mirar de frente á Morte, preguntarlle todo o que en vida desexara e mover os seus peóns, ainda que a partida xa estivese perdida.

Deixa un comentario