# (pradocasanova.wordpress.com)

# Os interrogantes sobre a música experimental e improvisación, que rondan na cabeza de certos conxuntos sociais, lembranme en ocasións o conflito da construcción dunha cultura antagónica ás estratexias propias do capital.
Criar unha imaxe “musical” amputada de valores produtivos pode parecer un tanto utópico, pero ironicamente certas multitudes que consideramos á marxe da producción capitalista, rexeitan estas formas pola ausencia duns valores impostos historicamente, atopandonos adictos á nosa propia represión, atados ao noso legado de erros.
A noción que temos de identidade é un conxunto de ficcións que nos adoutrinan en base aos mesmos prexuizos e clichés que calquer outra célula social. O “pintar todos os cadros de negro” fica relegado a un souvenir do noso pasado. O temor a unha valoración profunda destas ideas arrastra instantaneamente calquer destas manifestacións á condición de mercadoria internacional.
Ao seu tempo aferra progresivamente o noso estado de isolamento.
Mentres as formas artísticas sexan unha imposición histórica non poderá haber unha arte popular. Non quero con isto falar da destrucción do noso pasado histórico, o cal descartaria a posibilidade dun futuro, senón dunha situación na que a criazón de imaxes estéticas e condutas de carácter corrupto e epatante dentro dos clichés de acción dificultan a institucionalización da arte e a disección deste do binómio arte-vida.
Por outra banda, o entramado xerado polos novos meios de comunicación (como internet) utiliza a información como un produto co cal poder comerciar. Mentres que por unha parte podemos pensar en toda a pluralidade que nos ofrece, obriganos de algunha maneira a buscar formas de intoxicación nesas vias, formas que non substituan un concepto por outro, senón que se convirtan en accións difíceis de institucionalizar ou conceptualizar.
Se o capitalismo proporciona a través da mercantilización da cultura un camiño para a sua autonomia ideolóxica e a posibilidade de control da esfera cultural por meio da institución da arte, a vanguarda en posición de crítica a estes organismos debe desenvolver unha crítica das relacións mercantís.
A supresión e realización da arte son dous aspectos inseparables para unha única superación da mesma. A realización de obras sonoras que provoquen inestabilidade na comprensión será o factor que quebre esas normas expresivas ou estéticas, e desa quebra depende a maior ou menor conversión en moeda de cambio destas obras nun futuro. A improvisación e as accións que acompañan a esta liberan-nos do convencionalismo que impede o exercicio da simples imaxinación e dificulta a función para a obtención dun produto final co que poder comerciar.
Seria absurdo ignorar a capacidade (en aumento) de absorción de calquer tipo de produto ou política por parte do sistema, pero é interesante cuestionarse até que punto poden soportar as institucións o impacto dunha cultura que lles é estraña, unha cultura que ten como fin a criazón de novos ideais e intereses.
Ao entender a música experimental como acto cuxo resultado é descoñecido, como un simples proceso non-fechado, sen posibilidade de ser xulgado en termos de éxito ou fracaso, conscientes do seu excaso ou nulo valor comercial e ausentes do medo xerado pola necesidade de satisfacer a unha autoridade para nos establecer nun mercado, tendemos ao máximo desenvolvimento da imaxinación, da espontaneidade, á exploración das posibilidades sonoras nun momento determinado e á pesquisa das armas coas que loitar contra os axentes que tratan de acotar a nosa percepción e convertí-la nun ritual ou valor cultural propio da burguesia.

- Vídeo: Miguel Prado e Elisa Arteta. Improvisación no Old Staalplaat de Berlin. 14 de Novembro 2007.

Deixa un comentario