One night in Hackney (I)
Posted in Fotografia with tags hackney, one night in hackney, xaime fandiño on Decembro 20, 2007 by volframzineXEDH
Posted in Música with tags agujero negro, hamaika, noise, xedh on Decembro 18, 2007 by volframzine“Ás veces é necesario aproximarse aos extremos tanto, para coñece-los.
Só a distancia salva: a postura irónica, as voces alleas, o son frio.
O teatro sen ser. O velo é pesado, pero mais alá percibe-se
a radiografia do instinto. A tortura.
Pero tendo a música, calquer mal se salva.
Por agora.
Un disco dedicado a todos aqueles que non teñen males.”
# Disco editado no 2006, fai exactamente un ano, en Hamaika, gravado no barrio de San Francisco, Bilbao. Mil e pico placas de metal que esmagan o sexo, case incapacidade para seguir escoitando. Edición especial para se correr. Granito-coño. Fai uns meses que chegou e nunca eses 48 minutos, pero que dis. Muchachita. Aplicación teórica que caga na boca e dá marcha atrás, pode que para aniquilar a lenda. Disparador-esquelete que pide axuda. No Norte mendigan coa habilidade do asasinato, pero que. Parece que o noxo é mais real, asi.
THIS HEAT: Unha nación é a que merece as nubes (II) por Miguel Prado
Posted in Música with tags camberwell now, charles bullen, charles hayward, deceit, gareth williams, this heat on Decembro 14, 2007 by volframzine# …Posteriormente editan en 1980 o Ep “Health & Efficiency” de novo en Piano Records, onde mostran as duas caras do monstro: unha delas mantén a sua vertente mais abstracta (Graphic/Varispeed, tema que pode ser reproducido a calquer das velocidades do tocadiscos), mentres que Health & Efficiency amosanos unha banda moito mais visceral e rockeira que tende cara canles mais estruturadas, sen deixar de lado solucións harmónicas totalmente sorprendentes. Inclue ademais un texto retorcido en torno ás ideas de felicidade absoluta e a saúde do ser humano outorgadas polo sol, recitado en máxicos coros e entrelazando os papeis de interlocución dunha forma única.
O seu seguinte disco, DECEIT, o seu Aleph particular, seria editado en setembro de 1981 por Rough Trade Records. Desde o título (Engano) até a capa (o rostro de Gareth Williams enmascarado por diversos icones do capitalismo e a sociedade pós-industrial), introducen-nos na sua visión particular da realidade popular, do progreso e do sistema mercantil. A pesar do dramatismo que se presupón ao ler estas liñas, tras o contido das letras hai un pouso irónico e humorístico, utilizando unha linguaxe sinxela e directa, buscando unha coerencia global no seu traballo, a diferenza de moitas bandas coetáneas. Trata-se dun posicionamento político único na historia da música popular.
Para a gravación deste álbum contan cos servizos de mais de dez enxeñeiros e o produtor de reggae Martin Freederik. No estritamente musical, a banda dá un paso adiante en relación ao exposto no seu anterior disco. Mesturando a electroacústica, as músicas tradicionais e o posteriormente coñecido á outra beira como No Wave, This Heat atinxen o inatinxíbel convertindo-o en canción, en expulsión de forza, en algo físico. Durante o proceso coidan de maneira meticulosa cada peza do sua equipa que poda afectar ao son, traballan con este tendo en conta xa non só a experimentación, senón tamén a sua finalidade, algo no que a maioria das bandas semellantes a nivel de inquedanza fica a medio camiño.
Abre-se o disco con Sleep, unha nana que nos incita a un peculiar sono “durme, durme, durme, estás nun profundo sono / na tenda das promesas, infinitas posibilidades”. A partir deste punto o disco é ese espazo NREM, onde se introducen no noso inconsciente para disparar preguntas sobre as nosas expectativas na vida que levamos, para destapar a cortina hipócrita da nosa consciencia e amosar-nos o mundo tal e como é: os tropezos continuos do ser humano na mesma pedra e o errado auto-convencimento de que progresamos cara a verdade e o ben.
É a través de liñas como “Lembro o domingo / a guerra que rematou con todas as guerras / e a que veu logo / para manter ondeando a bandeira da liberdade” (Cenopath) que foxen da teoria anarco-primitivista que adoptaron as sucesivas xeracións de músicos que non crian na reforma do sistema senón no utópico “borrón e conta nova”. En relación cos seus ideais naturalistas de consciencia social e vexetarianismo, lembramos unha entrevista aparecida no libreto do seu box set “Out of Cold Storage”, na que Charles Bullen e C. Hayward discuten sobre a necesidade impulsada por este último de mudar os textos de Bullen, habitualmente en segunda ou terceira persoas, para converti-los directamente en persoais. Bullen xustifica-se da seguinte maneira: “Entre ser parte do problema ou parte da solución, persoanalmente eu non formo parte do problema”.
Cara o final do sico, na incendiaria New Kind of Water dan o que será posibelmente o último dos seus discursos, un desesperanzador sermón en torno ao desenvolvimento da vida do individuo e do mundo: “Un novo tipo de auga / unha nova maneira de respirar… / non vos preocupedes polo ar, a polución… acaban de inventar unha nova forma de respirar, temos a un home traballando / están traballando niso…” (Bullen). O tema remata con un súbito corte que nos devolve á actividade cerebral diurna. Deixan-nos en contraste con unha tranquila paisaxe de sons orientais con certo toque esperanzador. “Eses sons evocan unha paisaxe de apocalipse pós-nuclear onde, tras ter acontecido todo, vemos chegar entre as ruinas un camión de xelados” (Charles Bullen)
Xogaron a partida definitiva coa psique do ouvinte e gañaron, pero isto levou-lles a un estado de confusión e desasosego mental que provocou a saida de Gareth Williams cara a India, na busca do estudo da danza Katali.
Tras a sua marcha, embarcan-se nunha longa xira europea contando con Trevor Goronwy ao baixo e Ian Hill (ollo, posteriormente en Judas Priest) aos teclados. A precisión da banda era comparábel ao teatro de máscaras xaponés, pero Hayward e Bullen comezaban a cuestionar se ese era o camiño correcto, ao modificar repentinamente o duo en cuarteto, polo que tras a devastadora tourné de 1982 This Heat desaparecen para sempre.
Charles Hayward continuará no ambiente musical con Camberwell Now (contando cos servizos de Trevor Goronwy) tratando de retomar o traballo onde o deixara con This Heat. Tamén colaborará coa importantísima banda de avant-garde Massacre e en numerosas ocasións co seu famoso guitarrista Fred Frith, en diversos proxectos como Keep the Dog, todos de escoita obrigada. Na actualidade continua coa sua longa carreira en formato só, onde rebate as posibilidades da música e a capacidade de asimilación do ouvinte.
No referente aos outros componentes, Charles Bullen continua unha oculta carreira tras os mandos como enxeñeiro de son e, pola sua parte, Gareth Williams seguiria realizando música e performances até a sua morte, a finais do 2001.
A sua influenza foi chave en numerosas bandas e movimentos: desde a No Wave e o downtown neoiorquino dos 80, pasando polo slowcore e mathrock de principios dos 90, chegando até os nosos dias coa proxección das suas ideas en bandas do revival pós-punk menos convencional como Liars, Ex Models ou Oneida.
This Heat foron únicos na sua especie: inovadores, arriscados, coa virtude de ser conscientes do minucioso da sua obra e non caer nen no vulgar virtuosismo nen no aburrimento absurdo; conscientes do social e consecuentes coas suas ideas. Demasiado Bon para ser verdade.
Amigos Contrarios
Posted in Literatura, Poesia with tags fanzine, Literatura, Poesia, volfram on Decembro 11, 2007 by volframzine# Dentro dunha semana aproximadamente verá a luz unha colectánea de textos, poesías e criazóns varias proveniente na sua maior parte de amigos e amigas até o de agora mais ou menos en letargo. Esta sorte de fanzine levará o nome de VOLFRAM e, ainda que non será esteticamente tan apetitoso como o que podedes ver nas imaxes, incluirá moitas colaboracións de persoas maravillosas. Rescatará tamén algún que outro texto perdido de personaxes que nos obsesionan e tentará ter unha saída regular na medida do posíbel. Darase cumprida noticia no momento da sua incorporación ao mundo.
- Textos e mais cousas de (entre outros): Pau Cundins, Vítor Vasques, René Freire, Ramón Garcia “Gomino”, Pau Gener, Michael Gira, Henry Rollins, etc.
THIS HEAT: Unha nación é a que merece as nubes (I) por Miguel Prado
Posted in Música with tags camberwell now, charles bullen, charles hayward, deceit, this heat on Decembro 9, 2007 by volframzine“Lembro unha noite, houbo unha treboada cando tiña sete ou oito anos e, sen pensalo, simplemente comecei a tocar co piano seguindo a treboada. Realmente conectei con ela. Estaba nun cuarto pero dalgún modo sentía que conectara con todas partes. Levei esa sensación comigo durante moito tempo e ainda o fago. Así que cousas como esta foron enormes experiencias formativas para min.” Charles Hayward
# 1975 Camberwell (vila ao sul de Londres), Charles Hayward (batería, voces e manipulación de cintas) únese a Charles Bullen (guitarra, voces, teclados, ventos, samplers, etc.) formando un dúo de improvisación chamado Dolphin Logic para explorar os límites do son. Pero Charles Hayward e a súa visión perturbada do concepto de canción empúrrano a convidar a ingresar no combo a Gareth Williams, un “proxecto” de artista e músico, co cal tratan de criar unha banda de pezas estruturadas e de concepción “pop”.
Bautizanse como Friendly Rifles e debutan en directo o venres 13 de febreiro de 1976 en Londres; tras topar unha cinta cunha improvisación de Charles H. onde este interpreta uns ritmos de batería nun cuarto de xanelas abertas a un parque, coa intención de que se escoitasen os paxaros, deciden rebautizarse co mesmo título escrito na cinta: THIS HEAT.
Topan o seu refuxio musical na experimentación, en patrons rítmicos aleatorios e repetitivos, froito na súa maior parte de improvisacións e investigación con novos sons e instrumentos. Unha das chaves do son de This Heat é o interese que teñen en editar e procesar os sinais concentrados nas cintas, tanto sobre o escenario como no traballo de posprodución.
Comprender a súa emoción ao xogar co tempo e as repeticións destas cintas é de grande axuda ao descifrar a súa música. Quizais influenciados en maior medida polas músicas tradicionais, o folk de Canterbury e textos de escritores como Joseph Conrad que por bandas contemporáneas a eles, advírtense no seu sórdido humor e visión musical semellanzas claras con Faust.
Comezan a traballar na estruturación de pezas a mediados do ano 76, rematándoo cunha demo gravada polo enxeñeiro Frank Bryan Trembath. Durante ese período de tempo dan moi poucos concertos debido ao seu psicótico perfeccionismo e cerebral posta en escena, que os leva a comezar a facer uso de dous técnicos de son en directo, un para as funcións ao uso e outro para a manipulación de cintas durante a actuación.
Dita demo impresiona a varios personaxes da escena, entre os que destacan, por un lado John Peel da BBC - para quen gravan varios shows-, e polo outro, o músico e artista David Cunningham (mais tarde membro dos Flying Lizards). Neses dias gravan tamén unha sesión co percusionista de Ghana Mario Boyer Diekuuroh, parte desta gravación aparecerá mais tarde nun cassette compartido con Albert Marcoeur editado en 1982 pola revista francesa de música experimental Tago Mago.
David Cunningham, tras ficar asombrado polo amosado na primeira demo, traslada a súa actividade artística a un almacén de cárnicos abandonado, e convida a This Heat a construir o seu estudio e local de ensaio nunha das cámaras frigoríficas. Estes reciben varias ofertas de discográficas, pero ningunha acepta dar un adianto do disco que lles permita sufragarse a construcción do estudio para a gravación do seu primeiro álbum; finalmente deciden autoxestionarse todo o proceso e editalo no selo de David Cunningham, Piano Records.
O seu primeiro disco “Blue and Yellow” (“azul como o tabaco, amarelo como o cancro”, Charles Hayward nunha anotación a lapis nunha das carpetas das copias do álbum). Está formado polas sesións TMPT que engloban desde a formación do grupo en 1976 até a data de edición, en 1979. Oito cancións mais dúas codas abrindo e fechando o álbum amósannos unha formación en estudo contínuo do son, a melodía e as técnicas de gravación. Pezas onde o desprazamento homoxéneo da base rítmica vese respaldado polo uso de órganos e múltiples instrumentos de corda e burlóns arranxos de clarinete.
A mestura entre as correntes de improvisación europea como resposta ao free jazz norteamericano, a percusión e ritmos tribais aprécianse con claridade en temas como Twilight Furniture, Rainforest ou The Fall of Saigon. En partes do álbum podemos topar certo paralelismo co krautrock debido ao uso de patrons rítmicos constantes nas cancións que mellor capturan ao ouvinte desde a primeira escoita, tais como Horizontal Hold, maiúsculo tratado da síncopa e o silencio. Unha suite de enxeñaría barroca por definición e minimalista polo seu carácter de repetición circular, onde Charles Bullen cria o vínculo de unión entre a guitarra de Robert Fripp e os ecos de Michael Rother. Porén, o nexo de unión sonora do disco encóntrase na influencia da música e improvisación electroacústica que dota á súa obra dun carácter vangardista. A electrónica e manipulación das pistas é constante, até alcanzar logros como 24 Track Loop, exercicio de distorsión de ritmo básico, que forza a sobreexposición das pistas na cinta e manipula os seus tempos, conseguindo así un tape collage semellante aos de bandas como Cluster ou Harmonia, pero coa idea presente de utilizar a mestura como un instrumento máis, ao estilo do dub jamaicano, coa intención de atinxir resultados máis que ambientais: rítmicos.
O manifesto exposto no álbum é moi complexo; a sua idea febril da sociedade, a natureza e autoxestión, unido ao interese do grupo polos manifestos futuristas dota á sua música dunha intensidade psíquica e sónica incríbel, pero por outro lado topámonos con un disco cheo de confusión, escuridade e indeterminación, con unha grande cantidade de temas etéreos, como só eles souberon definir (“música como un escape de gás”), aparentemente baleiros pero dunha densidade emotiva difícil ou imposíbel de reproducir.
Tras a edición do disco embárcanse nun extenso tour de performances e shows por Europa e comezan a darse a coñecer polos seus escalofriantes e intensos concertos, onde acostuman tocar a altísimos volumes; xa entón amosan unha concentración e academicismo na busca dunha perfeccionista interpretación dos seus temas.
RECORDATORIO CREMOSO
Posted in Música with tags acuarela discos, guiller momonje, le rock le blues le jazz, yogur on Decembro 7, 2007 by volframzine# No barrio bilbaíno de Deusto, aproximadamente no ecuador dos anos 90, un sexteto chamado Yogur gravaban un single precioso para case que finiquitar unha carreira que parecia estar tocada pola mosca tsé-tsé desde o seu nacimento. Guiller Momonje era un dos membros do grupo. Guiller era un especialista que baixo o paraugas de Discos Alehop! rondaba o panorama musical estatal na época, completamente lonxe de todo, pero moi preto de aqueles que esperaban e esperaban polas Boas Novas. Ademais de Momonje, coexistian outros ilustres como Rafa M. Del Pozo (Eliminator Jr. e Jr. reconvertidos hoxe en La Jr.) que facian maravillas tocadas por unha gracia superior. No referente a Yogur, tanto Kinder como Le Rock (ambos editados por Acuarela Discos) posuian unha virtude que por aquel entón faltaba na maioria das casas, xa que mentres outros grupos eran chicle levitando sobre o indie, estes participaban doutra dimensión, criando unha atitude da que hoxe son debedoras moitas das bandas mais excitantes do noso ámbito. Estabanse a converter en inesquecíbeis, por moi pouco que iso pudese importarlles. En Le Rock, le Blues, le Jazz, Yogur executan os estilos como nunca e, ainda que hoxe poda saber a pouco o seu legado, non podemos facer mais que reivindicalo con entusiasmo. Por certo, vaia como anedota que a capa desta miniatura é unha variación da do Big Beat de Art Blakey para Blue Note.
“Le Rock, le Blues, le Jazz” (Acuarela 016, 1995)
Yogur eran (son): Alberto L. Martin (bateria); Alexei Krivosheev (piano, órgano e voz); Sergio Dios (guitarra eléctrica); Rafael M. del Pozo (guitarra eléctrica e voz), Juan Monje (trompeta) e Guiller Momonje (desphaser, voz e guitarra)
Cincuenta anos de DET SJUNDE INSEGLET (Ingmar Bergman) por Héctor Gómez.
Posted in Cinema with tags Cinema, det sjunde inseglet, ingmar bergman, sétimo selo on Decembro 5, 2007 by volframzine# Este texto non pretende ser unha peza de obituario máis, unha lembranza máis a modo de homenaxe, dos que nestes últimos meses estamos saturados por causa de todos aqueles que semellan descobrer aos grandes artistas cando estes parten cara outro lugar. É preferible dar un enfoque de celebración, de recoñecimento vital, agora que O Sétimo Selo (Det sjunde inseglet, 1957) cumpre medio século de proxeccións. O recordo dunha filmación como esta convírtese en necesario a todas luces por ser unha das obras capitais da Historia Cinematográfica, pola sua influencia na conciencia, imaxinería, imaxinario e memoria universais e, non embargantes, non ser unha obra capital, redonda e cumio no que se refire á filmografía de Ingmar Bergman.
Se algo no Sétimo Selo merece pasar á Historia, é a angustia vital que desprende o cabaleiro (Max von Sydow) cando se lle resposta a nada absoluta como o único que existe despois deste mundo. Nos seus ollos pódese ver un abismo absoluto cara ningures, unha caída sen fin, un descorazonamento existencial que é, ao tempo, o descorazonamento de toda unha xeración que comezaba a estar seriamente desapegada dos valores e da moral xudeo-cristiana, e que ten o vacío absoluto como única resposta.
E é que grande parte do cinema bergmaniano sae do descorazonamento. En particular, analisarei dúas obras que para mín constitúen, xunto a outras coma Persoa (1966), o eixo reflexivo da madurez de Bergman como cineasta e pensador: estoume referindo a Os Comulgantes (Nattvardsgästerna, 1962) e a O Manantial da Doncela (Jungfrukällan, 1960).
Ambas cintas son parte dunha mesma idea, dunha mesma agonía, ambas considéranse de maneira intuitiva partes dunha triloxía centrada nos interrogantes sobre a existencia dun Ser Superior e, ao seu tempo, a incomunicación deste cos seres humanos, e na que tamén se tende a incluír Como nun Espello (Säsom i en spegel, 1961).
Tanto en Os Comulgantes coma en O Manantial da Doncela exponse a idea do descorazonamento en torno ao Deus da tradición e cultura cristiá. Existen numerosos e sinxelos paralelismos entre ambos filmes. Se en Os Comulgantes se analisa a incapacidade de resposta dun guía espiritual como é o pastor cristiano (Gunnar Björnstrand), e a súa conseguinte incapacidade para evitar o suicidio -tanto físico coma espiritual- dun atormentado Max von Sydow, en O Manantial da Doncela reflíctese a inusitada incapacidade do Deus cristiano, e por ende, de todas as divindades criadas, para respostar ao acto de maldade suprema dos violadores da doncela. O Mal pode violar, matar, destrozar os lazos familiares e afundir na máis absoluta desesperanza, mentres que o Ben únicamente pode facer brotar a auga da terra, nunha das -dito sexa de paso- secuencias cinematográficas de corte milagroso máis emocionantes que un servidor ten visto, comparable quizá únicamente ao cesamento das bombas en Offret (Andrei Tarkovski, 1986) ou á resurrección mediante a palabra en Ordet (Carl Theodor Dreyer, 1955).
Outro dos peares da obra de madurez de Ingmar Bergman é Persoa (1966). Neste caso o autor sae da temática antes mentada para facer unha análise lúcida e precisa da psique humana e das relacións interpersoais. Ademáis desta serie de virtudes, Persoa ten unha das máis importantes cando nos referimos a unha película: a súa fotografía. É o traballo do xenial Sven Nykvist o que lle confire ese aura de inmortalidade, de grandeza, o que convirte á cinta nunha obra infinita e impermeable ao desgaste temporal.
Filme tras filme, Bergman compromete a interpretación da realidade que ten a Humanidade no seu conxunto. Estuda, disecciona e golpea cada un dos peares que confortan o Universo cognitivo, moral e relacional criado polos seres humanos.
A título persoal, vexo en cada filme de Bergman un exorcismo persoal e intrasferible que lle leva a compartir todos aqueles pensamentos, reflexións ou ensoñacións que condicionan a sua integridade coma cidadán do mundo. En definitiva, entendo cada filme de Ingmar Bergman coma unha necesidade vital, unha estraña forma de solidariedade cos seus semellantes; pero acaso non é certo que toda clase de arte honesta surxe da pura e simples necesidade criativa e comunicativa?
Faise necesario agradecer a Ingmar Bergman a súa vida, unha desas vidas que se convirten en importantes para o resto da humanidade. Tal vez, agora sí poda mirar de frente á Morte, preguntarlle todo o que en vida desexara e mover os seus peóns, ainda que a partida xa estivese perdida.
GORA JAPÓN
Posted in Música with tags bilbao, bilborock, euskadi rock, gora japon, reggaeton on Decembro 3, 2007 by volframzine
# Bonitos e baratos, ainda que caros en influencias. Gora Japón combo Bilbao para facer risas feas en festas. Tirando e tirando, de Euskadi podes sacar fiambre, sempre. Quem serei eu que não sei quem sou? Marxe de mellora pero insuperable, exquisita. Tanto como a do Deportivo, vamos. Moi indie pero Slits.
JAMAICA, OU A VIGÊNCIA INCOMBUSTÍVEL
Posted in Música on Novembro 30, 2007 by volframzine- Por Davide Loimil
Nom deixa de me maravilhar a trascendência que umha pequena ilha do Caribe chegou a ter no desenvolvimento da música popular moderna. A vigência de Jamaica segue a ser, a dia de hoje, incombustível.
ACTO I: AS ORIGENS DUMHA REFERÊNCIA
Tudo começa na década de sessenta, quando os jamaicanos começaram a desenvolver formas musicais próprias, a raiz dumha original confluência de ritmos chegados dos EUA (boogie, rythm & blues, jazz, soul…), que assentavam sobre umha tradiçom autóctone afro-antilhana (calypso, mento, soca). Assi nacia o ska, e desde esta fecunda matriz, o tempo tornava-se progressivamente mais sinuoso e sugerente; apareceriam o rocksteady e o reggae.
:: this is ska! ::
Vai ser precisamente o reggae quem introduza Jamaica no ámbito internacional de referência, em boa maedida através da profética figura de Robert Nesta Marley. Os músicos mais lúcidos de todo o mundo nom tardárom em perceber e interessar-se pola riqueça insuflada desde as Antilhas. Umha ilha povoada por pouco mais de 2 milhons de descendentes de escravos africanos reclamava a atençom de ícones da cultura ocidental como The Clash, Sex Pistols, Eric Clapton, Keith Richards e Mick Jagger, Massive Attack ou Dj Shadow, por só citar alguns deles.
:: Mick Jagger canta com Peter Tosh em “Don´t Look Back” ::
Desde esta etapa de madurez inicia-se nos primeiros setenta umha vertiginosa evoluçom que colocará Jamaica sistematicamente à vanguarda da música popular.
ACTO SEGUNDO: EXPORTANDO A IDEIA
Os toasters jamaicanos concebírom o fenómeno dj a partir já de fins dos sessenta. As suas origens hai que rasteá-las no contexto dos sound-systems, aqueles gigantes altofalantes ambulantes conduzidos por dj´s que competiam por atraer as audiências populares com as músicas mais exclusivas. Estende-se entom a prática de incluir nas caras B dos singles de 45 rpm versons completamente instrumentais dos temas reggae (os famosos rythms), o qual daria pé à apariçom do toasting: os dj´s começam a falar, literalmente, por cima dos temas instrumentais, ao jeito de locutor radiofónico apresentando a cançome invocando ao público. Esta prática vai colhendo forma até que nos atopamos com um ritmo base, derivado dum tema original que só reconhecemos por certas reminiscências, sobre o qual um mc fala por um micro improvisando para a sua audiência. Jamaica sentava as bases do rap desde os primeiros anos da década de setenta. Serám os filhos dos emigrantes jamaicanos nos EUA quem reparem nesta forma artística do toasting, cultivada polos seus pais, para abrir os vieiros do rap como o entendemos hoje.
:: U Roy emprega o Soul Rebel de Marley como sampler sobre o que rimar. As origens jamaiquinas do rap ::
Por outra banda, outro contingente de negros jamaicanos tomava rumo a Inglaterra, emigrando assi à velha metrópole. Estes jovens instalam-se precariamente nos bairros obreiros ingleses, e ali entram em contacto com os movimentos juvenis do momento, em especial o punk e a new wave inglesa. Assi, jovens negros e brancos bailam, tocam, e protestam juntos. A diáspora jamaicana segue impressionando com a sua pegada.
:: Two Tone, Branco e Negro. The Specials: Too much too young ::
Voltamos às Antilhas. Ali, a palavra reggae era já um termo insuficiente para abranger a efervescência que a música vivia nos anos 70. Do originário ska, a inventiva jamaicana derivou numha série de inovaçons que, mais umha vez, farám da ilha um lugar de passo ineludível para compreender a música contemporánea. Referimo-nos em especial ao surgimento do dub, com base naquelas versons instrumentais (rythms) sobre as que os dj´s construírom o mais remoto precedente do rap. O ritmo cobra sucessivamente um protagonismo maior, com a bateria e o baixo à cabeça. Os produtores descobrem que esta nova formulaçom musical supom um campo tremendamente fértil para a experimentaçom de novas linguagens. Apesar da precariedade de infra-estruturas técnicas próprias dumha ilha do terceiro Mundo, estes proidutores conseguem criar nos seus estúdios de gravaçom atmosferas sonoras envolventes, próximas à psicodélia; Incluem diferentes efectos de som e mesmo ruídos: reverberaçons, ecos,… As vozes som totalmente eliminadas, ou reduzidas a simples frases ou jogos vogais. Para 1.973 aparecem já os primeiros álbumes dedicados integramente ao dub.
:: Os jamaicanos Sly e Robbie, a cara que nunca che mostraram ::
A semente germinaria de novo. Jamaica voltava a ser foco de irradiaçom de frescura e originalidade, de cámbio e revoluçom. A ilha reivindica-se mais umha vez como precursora artesanal neste caso da música electrónica, sobre todo no que se refire a técnicas de produçom (techno, ambient, trip hop drum and bass,…), o pós-punk de finais dos 1970 (o Metal Box de 1979 dos Public Image Ltd. pode ser o melhor exemplo) ou as cenas underground de vangarda do rock ou do jazz dos anos 1990/2000 (o pós-rock de Tortoise, June of 44, etc., ou o jazz de Spaceway Inc.).
:: Horace Andy, veterano artista reggae antes de colaborar com Massive Attack ::
ACTO III: MADE IN JAMAICA
A semana passada fomos, Moncho e eu, ver o documentário Made in Jamaica, de produçom francesa. Nele aborda-se a realidade social jamaiquina na actualidade, ligada às expressons musicais contemporáneas na ilha. Duas sensaçons.
A crescente insegurança na ilha, a estensom e agudizaçom da violência em todas as suas formas, e a precarizaçom (ainda maior) das condiçons de vida junto com a polarizaçom social, figérom emerger um fenómeno novo: o dancehall. A música jamaicana perdeu a sua doçura e sensualidade, sendo substituída polos agressivos ritmos programados e os discursos machistas e homófobos selvagemente vociferados por macarras como Elephant Man ou Lady Saw. A tradiçom roots foi praticamente varrida das ruas de Kingston, e o qualificativo de “nostálgicos” cerne-se ameaçador sobre os seus continuadores, que assistem incrédulos ao espectáculo e parafernália do new hype.
:: old ways are gone… ::
Por outra banda, Jamaica reivindica-se por enésima vez na mais absoluta vanguarda musical. Aquele caldo de cultivo que propiciara a apariçom e desenvolvimento do rap, fermenta hoje no ritmo que provoca furor na América e no Ocidente: o reggaeton. Si, tamém de factura nitidamente jamaicana.
:: O documentário reflite a convivência em Jamaica de diferentes expressons musicais ::





